Naraío Nazóm

O blog da xente de Naraío, estea onde estea...

15.2.06

As orellas, ese alimento tan sobrevalorado


Hai diormío, canto choíño temos!. Non hai de onde sacar tempo para deleitarvos con liñas aguzadas, nin con reflexións cáusticas, nin sequera con pensamentos inverosímiles pero certos coma a vida mesma. Afortunadamente cada x tempo hai datas insalvables que nos obrigan a aleitar a vosa imparable gana de mamar coñecementos nos que nunca reparárades. Unha desas datas é o Entroido.

Hoxe a cousa vai de cociña. Imos pasar por alto a cachola, os chourizos, os lacóns, os grelos, os freixós e as filloas para centrarnos no que é sen dúbida a sobremesa máis absurda que nunca levamos á boca: as orellas.

Se prejuntades cales son os injredientes das orellas e como se fan, temos que contestarvos que nin o sabemos nin nos importa. O que queremos analisar aquí é o resultado final, esa especie de costra crebadiza pola que todos debecen pero que a nós, como xa intuiriades, non nos move. Empezamos.


Punto primeiro: As Orellas tampouco están tan ricas nin manteñen tanto.

Se as comparamos cos freixós ou as torradas, é doado chegar á conclusión de que non hai punto de comparación organoléptica. A orella ten un sabor efémero que incluso é difícil de recordar por máis que se intente. O único que nolas recorda pasado un minuto é a graxa azucrada que o impregna todo: as mans, a boca…os lugares onde se estirou a súa masa coma se fose un reloxo de Dalí.

Comer unha orella é o máis parecido a consumir hostias non sendo na porta dunha discoteca ou nun recinto sagrado. Bueno, é un falar, a costra do turrón duro é máis parecida a unha hostia, de feito é o mesmo material pero sen espírito santo. Ao que nos referimos é a que cando metes unha orella na boca esmigállase, deglútela e quedas como estás.

A universidade de Standford fixo un estudo nos anos 50 que revelaba que un indivíduo de 80 kgs de peso en condicións normais precisaba consumir uns 450 gramos de materia útil de orella para quedar farto. Tendo en conta que a orella que collemos non se consume por completo (cachos que quedan na bandexa por causa dunha mala manipulación, anacos que nos caen ao chan cando lle fincamos o dente, o aire que vai dentro das súas burbullas, etc), resulta que fai falla papar medio saco de orellas para ir tirando entre comidas. En resume, que as orellas non dán para manter un home… nin tampouco unha muller de 80 quilos.

Punto segundo: As Orellas hai que collelas con mimo.

¿Dixéramos que as orellas son crebadizas?¿si?, ah, vale. Pois iso. Unha orella é un artículo que debemos manexar igual que se fosen restos fósiles do animal máis estrano da antigüidade. Talmente teñen a consistencia dunha á de bolboreta, do xeo dun mediodía de xaneiro ou da mortalla dun exhumado (parcemos Sabina, pero bueno, había que dicilo).

Nunca vimos a ninguén que fose capaz de comer unha orella de principio a fin sen que se lle desbaratase nalgún momento do proceso. Se lle puxesemos son á escea sería aljo así: ñam, ñam, ñam, cajondiooooos, aló vai, para o jato, ñam, ñam, ñam


Punto terceiro –e máis importante- : As Orellas non afogan no leite.

É sabido o costume galego de botar ou mollar en leite todo o que sexa susceptible de se converter nunha masa alimenticia semellante aos bolos cos que engordan os capós de Vilalba. O éxito desta práctica está asegurado cando se enche a cunca con anaquiños de pan, bizcochada, bola de juevos, biscoitos, jalletas fontaneda ou calquera outra sobremesa de textura esponxosa. Pero…, probade a mollar unha orella, probade… e a ver como vos vai. Xente experimentada coma nós na arte de tentar asolagar orellas cos máis diversos líquidos xa sabe que é imposible enchoupalas. O leite apoza na superficie, escorrega polas súas protuberancias e finalmente cae pola mesa, pola roupa ou por onde lle cadre.

Por todos estes puntos que acabamos de expoñer é necesario que dictaminemos unha vez máis que as orellas son a sobremesa máis absurda da nosa cultura culinaria. Se non o credes, vén aí o antroido e reparade en todo o que vos dixemos.

Ala, ata a Semana Santa, que lojo cheja.

6 Comentarios:

At 12:36 a. m., Anonymous Anónimo said...

Rebosades de razon, hoxe despois de xantar estuvenas comendo e a medida que leia o texto iame lembrando da sobremesa.

Non nos fagades esperar a semana santa!!!

Un saudo

IVAN DZ

 
At 3:12 a. m., Anonymous Anónimo said...

Naraio Razóm! ... aos vosos peses... poderíase decir todo eso máis alto pero non máis claro... nunca me gustaron as orellas... excepto cando son de porco, cocidas e con pimenton e aceite... ;)

 
At 1:03 a. m., Blogger hojasdehierba said...

E a adicción ¿qué? onde deixamos esa adicción que fai que logo teñamos pesadez de tanta graxa que papamos ¿eh?
Saúdos :).

 
At 10:17 p. m., Anonymous Anónimo said...

Great work!
[url=http://qnyvuypj.com/dmjn/ugat.html]My homepage[/url] | [url=http://cdgsyjxc.com/uefn/jcyn.html]Cool site[/url]

 
At 10:17 p. m., Anonymous Anónimo said...

Good design!
My homepage | Please visit

 
At 10:17 p. m., Anonymous Anónimo said...

Great work!
http://qnyvuypj.com/dmjn/ugat.html | http://ugzetvst.com/npdu/hida.html

 

Publicar un comentario

<< Home