Naraío Nazóm

O blog da xente de Naraío, estea onde estea...

15.9.05

Norman Foster tamén estivo aquí



Como dí o título, o grande arquitecto Norman Foster tamén estivo en Naraío...ou iso é o que cremos. Senón non hai explicación posible ao portento construtivo que podedes ver no afoto. Non sabemos se é un edificio adicado a albergar bichos ou persoas...pero estamos convencidos de que quen o construiu ten máis de bicho que doutra cousa.

Obsérvese a pureza curvilínea das súas aristas...a colocación a contrapelo das uralitas...a disposición dos ladrillos seguindo as curvas de nivel do terreo...a carencia de fiestras...o xeito maxistral de parchear buratos...a acometida de auga corrente estratéxica e funcionalmente ubicada no medio e medio da parede...

Durante tempo pensamos que se trataba de ladrillos amoreados destinados ao seu uso como posterior materia prima de construción. Pero non, esta obra é unha construción en si mesma. Quede aí esta imaxe para estudo das xeracións vindeiras de arquitectos, para rubor do concello que permite tal escándalo urbanístico e para constancia de que en naraío non debemos ser ben acabados.

P.D.: en Naraío a esta cabana chamámoslle o Gúguenjeim.