Naraío Nazóm

O blog da xente de Naraío, estea onde estea...

24.10.05

¿FIXO PIXO?


Dezaoito horas doce minutos, martes dezasete de xullo de 1984: Río Castro, Lugar da Bóla, Naraío.

O lugar da Bóla fervía por aqueles anos co ir e vir de cativos ansiosos de choupar na curva que fai o río Castro antes de pasar por baixo da ponte que o señor de Andrade construiu no lugar da Ferrería. Dou a hora e o lugar porque a ubicación espazo-temporal é un dato moi importante a ter en conta para a posterior comprensión deste conto.

En Naraío, os cativos adoitaban facer a sesión de río en dous jolpes. Un primeiro, xusto despois de xantar, para voltar, pasada aproximadamente unha hora, á casa para ver na TVE a serie de moda do momento. O sejundo jolpe de río era, como non podía ser doutro xeito, cando remataba a serie en cuestión, momento no que saían novamente da casa coas zapatillas camperas da Cooperativa furadas pola punteira, collían a bici e, facendo a onomatopeia da aceleración do amoto, voltaban ao río de forma atropelada. Ese ano, quen nos deixaba a esas horas era o Deivid Jáseljof e o seu fantástico “velero”.

Unha vez que chejabas ao río, o primeiro era ajuantar os queimes dos maiores, para despois pasar a facerlles os recados que “xentilmente” che pedían. Por exemplo, irlles á taberna comprar a fuma, os colajés, as pipas, etc…Por suposto, sempre incentivado pola cronometración que dician che ian facer, e a cambio dunha “fantástica” recompensa.

Neses anos as mellores recompensas pasaban porque te levara Jeronín dár unha volta na lendaria Gilera –torta despois dun chapuceiro proceso de soldadura-, poñer a toalla ao carón da dos maiores, ou poder ser integrante do partidiño de fútbol que se ía formar antes da choupada masiva. Pero bueno, o conto non vai por ahí. O tema central son os nosos “xogos populares”.

E dijo “xogos populares” porque hai pouco vin pola miña casa un dos numerosos coleccionables da Voz de Galicia: “O libro dos xogos populares galegos”, e véume á memoria algún xogo que ben se podería incluír no mesmo (previa avaliación, claro está, de expertos en sicoloxía e educación infantil. Non vaia se-lo demo…).

En Naraío, os cativos, ou ben tiñamos a realidade sumamente distorsionada, ou ben o resto de pequenos non eran ben acabados. Agora que, os xogos que describirei a continuación tamén poden ser froito dun proceso evolutivo paralelo, posiblemente debido ao illamento e falta de contacto con outras parroquias do Concello (exceptuamos neste punto a Igrexafeita). Aquí podería residir, en parte, a explicación da “desconfianza” das outras parroquias cara ao oriundo de Naraío. E digo todo isto polos tres exemplos de “xogos populares” que vou resumir a continuación, e que ben poderían ter un oco nalguna das asignaturas que conforman os planos de estudo de carreiras como Educación Infantil ou Sicopedagoxía (ou igual, vaite ti saber, como obxecto de estudo e análise na carreira de Antropoloxía).

¿Fixo pixo?

O material necesario para desenvolver este xojo redúcese unicamente a un pao recto e larjo. A jracia coa que pasábamos horas e horas consistía en lanzar, en plan xabalina, o pao ao fondo do río para despois pasar a ver se emerxía das aujas de jolpe - ao máis puro estilo dun submarino nuclear soviético - “facendo pixo”, nese momento a secuencia de jritos que xurdían das nosas jorxas era a seguinte:
- ¿viches?, ¡fixo pixo!
- ¡que pasada!
- ¡sí!, ¡eu tamén vin que fixo pixo!

Podese dicir que este xojo é unha especie de variante da típica imaxe de película jolivudiense na que os cativos tiran pedras sobre a superficie da auga para ver cantos saltos dán.

¿foulamos?

Neste xojo o material necesario xa é un pouco máis avanzado tecnoloxicamente: bicicletas BH ou Torrot de paseo, cordón das pacas da herba seca, ramalla de alcolito e moitísmas janas de dár pedal. Por aqueles anos en Naraío aínda non chejara o asfaltado a tódalas pistas e o xojo consistía basicamente e amarrar a ramalla de alcolito á bici e pedalear coma un descosido para foular o máximo posible aos veciños. Faise preciso puntualizar que a primeira liña do pelotón era para os maiores (claro, así non se enchian de foula) e as seguintes liñas íanas formando, por estricta orde de idade, o resto dos cativos.

¿facemos o jaspacho?

Máis sinxelo que os dous anteriores, o xojo consistía basicamente en meterlle por dentro do bañador-slip herbas e terra ao suxeito seleccionado na ocasión para ser protagonista principal deste xojo, suxeito que por certo, asumía a situación cunha elevada dose de paciencia, complicidade e, por suposto, submisión. Daquela, non existía o mobbing escolar, ¡ai mi madriña!, se hoxe se lle fai isto a un cativo…. Malia o illamento que comentaba en liñas anteriores, alguén (non sei quen), debeu escoitar na TVE a palabra jaspacho (posiblemente no projrama de Elena Santonja “Con las manos en la masa”), veu que era un combinado de moitas cousas, e introduciuno como innovación persoal ás tardes de río. Bravo por el e pola súa ajudeza.

Para rematar, non é que se tratase dun xojo no máis estricto sentido da palabra, pero tamén era parte da tarde de río e, ás veces, un dos mellores pasatempos que tiñamos. Ai Dios miño!, probe do tabao que ousara pousarse no noso corpo….. De matalo por esmagamento, nada de nada. Nós… EMPALABAMOLO!. O castijo polo intento de extración de sangue era meterlle unha palla de herba seca “polo cú” (en realidade, ainda que pensaramos que lla metiamos polo cú, o que se facia era joder vilmente o abdome do insecto), e a gran trunfada producíase se o tabao lograba levantar o voo coa palla en plan alerón ou coma se fose un helicótero do lume. Entón o alboroto faciase moi similar a cando o pao “facia pixo”, ainda que, se lograbas “facer pixo”…tiñas o día virado de cara aos compañeiros.

En resumo, pódese dicir que os guionistas da famosa serie de TVE “Cuéntame como pasó”, non recollen fielmente a realidade deses anos. Pero bueno, desde Naraío tampouco temos excesivo interese en exportarlle os nosos xojos ao resto do mundo. Estou convencido de que, se este conto cheja aos oídos de responsables da empresa de entretenemento Nintendo, de seguro que iamos ter unha versión para a playstation do xojo “¿fixo pixo?”.

1 Comentarios:

At 10:51 a. m., Anonymous Anónimo said...

Content thieves get nasty in battle over the word "article"
Not content with flogging software that steals content from your friendly local blogger and reposts in into a spam blog, it looks like the king of spam blogging Rick Butts of Blog Burner/ Article Burner fame is ...
Hi there! I have found your blog finally! I have some great news for you to see at lots and lots! and it is really cool!
Check it out whenever you want ;-)

 

Publicar un comentario

<< Home